Os madrileños Sôber están de aniversario, 30 anos pateando os escenarios deste país e do resto do mundo son motivos máis ca suficientes para que o veñan celebrar coa xente de Ponteareas e dos arredores que se achegan ó noso festival Rock In Río Tea.

 

A mediados dos 90’s os irmáns Carlos Escobedo (voz e baixo) e Jorge Escobedo (guitarra) xunto con Antonio Bernardini (guitarra) e completando a banda o batería Elías Romero, baixo o nome “Sober Stoned”, gravan o seu primeiro disco “Torcidos”.
Co cambio de nome a Sôber no ano 98 chega tamén o cambio de batería coa entrada de Alberto Madrid (ex de My Criminal Psycholovers e de Santa Fé) dando pé á formación, digamos clásica. Acababa de nacer a banda dos de Alcorcón (onde teñen unha praza co seu nome) e con isto viñeron discos imprescindibles para entender o hard rock de finais do século pasado como “Morfología” ou “Synthesis” e sobre todo “Paradysso” xa no 2002 co que pegaron o pelotazo con “Diez años”, “Lejos” e o seu clásico “Arrepentido”.
Dous anos despois aparece “Reddo” co que poñen fin a esta primeira etapa xa que tal maremágnum de discos e concertos estaba afectando á saúde mental dos seus compoñentes.
En 2005 a banda rómpese en dúas partes. Savia, por un lado, con Carlos e Alberto coas novidades de Fernando Lamoneda (ex-guitarrista de Skunk DF) e o baixista Jesús Pulido (ex de Turbo Lovers) gravando tres discos: “Insensible”, “Savia” e “Fragille” este último con José Antonio Pereira na batería trala tráxica morte de Alberto Madrid nun accidente de moto o 30 de novembro de 2006.
Por outra banda, os dous guitarras Jorge e Antonio forman Skizoo co que fora cantante do fantástico Hombre Bala, Morti, co ex-batería de Saratoga e Stravaganzza, Dani Pérez e o baixista Daniel Criado. Editan entre 2005 e 2008 tres discos, o homónimo “Skizoo”, “Incerteza” e “3”, este último xa co baixista Edu Fernández.

 

En 2010, coas asperezas limadas, os Sober regresan co recopilatorio “De aquí a la eternidad” co batería cordobés Manu Reyes, fillo do mítico batería dos Medina Azahara, Manuel Reyes, e que xa estivera acompañando a Savia nos últimos concertos alá polo 2009. Novos lanzamentos como “Superbia”, “Letargo” ou “Vulcano” preparan o camiño ata chegar ata este aniversario no que a banda decide regravar aquel primeiro “Torcidos”. Da man de Dromedario Records sae ó mercado neste 2024 como “Retorcidos”, nunha edición feita con moito mimo e coa colaboración de amigos músicos como Alberto Cereijo de Los Suaves, Kolibrí de Marea ou Jorge Salán de Mago de Oz.

 

Pero o mellor de todo é a xira destes 30 anos nos que son acompañados por Morti para poñer voz ós grandes temas de Skizoo e por Jesús Pulido para poñer ás catro cordas nos temas de Savia nun show que ronda as 3 horas nos que os clásicos de Sôber terán o seu protagonismo e dos que no Rock In Río Tea teremos ocasión de dar boa conta no escenario do Parque da Feira Vella.

 

Por certo, que para os que non o saibades, os Sôber xa actuaron no Rock In Río Madrid 2010 acompañando a Metálica e a Motorhëad. Agora pechan o círculo actuando no noso humilde e querido Rock In Río Tea ponteareán.

 

Rogelio Carracedo


Escoita